Friday 03 de May de 2024

O Roncudo volverá a ser o inigualable escenario da Popular, que chega á súa cuarta edición o domingo 28 de abril


 A proba deportiva do Concello de Ponteceso acada a súa cuarta edición e consolídase no calendario

 As inscricións para todas as categorías xa están abertas ata o 25 de abril

A Popular Faro Roncudo aséntase no calendario da localidade. O domingo 28 de abril regresa a proba deportiva, que na súa cuarta edición ofrecerá a posibilidade de desfrutar do ‘running’ nunha paraxe inigualable: o camiño que vai desde a Praza da Ribeira ao Faro Roncudo.

A 4ª Popular Faro Roncudo foi presentada onte no Salón de Plenos do Concello de Ponteceso pola edil de Deportes, Raquel Fondo, e o concelleiro de Seguridade, Servizos e Emerxencia e o responsable da seguridade viaria da proba, Juan Ramón Vidal. Xunto a eles estiveron a técnica de Deportes, Remedios Varela, e a monitora deportiva Noelia Leis, ademais de representantes das asociacións Abellariza e Vidú, colaboradoras na organización xunto ao Concello de Ponteceso.

Ás 11:30 horas arrincará a carreira absoluta, na que os participantes disporán dunha hora para pechar o traxecto desde a Praza da Ribeira ata o faro Roncudo en ida e volta. En total son 6.200 metros que se irán adaptando ás categorías inferiores, que correrán por quendas -de maiores a pequenos- a partires das 12:40. Ás 13:15 horas comezará a entrega de premios.

O prazo de inscrición para a carreira xa está aberto e poderá facerse a través da páxina web de Carreiras Galegas (https://www.carreirasgalegas.com/events/iv-popular-faro-roncudo/L6lZEMj1). Apuntarse -con data límite o 25 de abril- é imprescindible para poder participar nunha proba cuxo control técnico será responsabilidade da Delegación da Coruña da Federación Galega de Atletismo. A retirada de dorsais farase o mesmo día da praza na praza da Ribeira.

Quen serán os herdeiros de Amador Pena e Inés Pampín, gañadores da edición anterior con tempos de 21’34” e 24’40”? Xa falta menos para descubrilo.